Monday 06 de May de 2024

O Concello abre a área infantil de Pugna e Parga que duplica o espazo de desfrute dos máis pequenos


O Concello reparou este ano 9 áreas infantís e puxéronse en marcha 5 novas con capacidade para 265 novos usuarios

O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, acudiu esta mañá á nova área infantil do xardín Pugna e Parga, unha praza de 2.200 metros cadrados, situada entre as rúas Alexandre Bóveda, Alcalde Pugna e Parga, Cabaleiros e Marqués de Amboage, aberta ao público dende o 24 de decembro tras as obras de remodelación realizadas polo Concello.
Enrique Salvador recordou que o Goberno local investiu na obra 373.260 euros, o que supuxo un aforro de 46.727 euros -unha rebaixa do 11%- con respecto ao presuposto de licitación. “O novo proxecto permitiu unha mellora integral deste espazo. Así, recolocáronse os percorridos peonís para atender as necesidades actuais, creando un único itinerario adaptado, pavimentado en formigón antideslizante e con dous accesos”, explicou.
A praza divídese en dúas grandes zonas: por un lado, unha dedicada a aparcadoiro e aseos; e outra onde se dispón de xogos infantís e lugares de descanso. Neste último caso, a área dedicada ao desfrute dos máis pequenos duplícase, pasando de 226 a 522 metros cadrados. Así, hai un espazo de 100 metros cadrados dedicado a nenos de 1 a 5 anos con elementos que lles axuden a dar os primeiros pasos e a desenvolver tanto o seu equilibrio coma as súas capacidades motoras. Outra zona, intermedia, destínase a nenos de máis de 3 anos con xogos de balanceo, equilibrio e rotación en grupo. Hai un terceiro espazo para nenos de 6 a 12 anos cun circuíto de actividade múltiple no que se traballarán as capacidades sociais, creativas, físicas, o equilibrio, a axilidade, a forza e a concentración.
O novo proxecto tamén recolle a revitalización dos espazos verdes, coa protección dos exemplares existentes de máis valor e a plantación de novas especies. A mellora inclúe ademais a instalación dun equipo de rego programable e a achega de terra. A zona verde mantense na súa posición perimetral para servir de pantalla acústica e visual natural, conseguindo un espazo protexido do tráfico rodado. Complétase o proxecto coa colocación de tres báculos de oito metros de altura -con tres ou catro proxectores- que iluminarán as áreas de xogo e descanso, a instalación de rede de drenaxe e pluviais e de papeleiras e unha fonte de beber.
SITUACIÓN ANTERIOR NOVO PROIECTO
Áreas verdes (m2) 1.037 1.151
Parque infantil (m2) 226 522
Asentos 15 59
Árbores 28 42
O concelleiro de Medio recordou que durante este ano se repararon 9 áreas infantís e puxéronse en marcha 5 novas “que supoñen para a cidade 2.172 metros cadrados máis destes espazos destinados aos máis pequenos con capacidade para 265 novos usuarios”, destacou.
As obras de remodelación da área infantil de Pugna e Parga súmanse a outras actuacións realizadas ou programadas para recuperar o barrio de Catro Camiños como un dos grandes polos de atracción da actividade comercial e económica da cidade, un obxectivo que se impulsará de xeito definitivo coa rehabilitación da Fábrica de Tabacos e outros proxectos que superan os 17 millóns de euros de investimento neste espazo da cidade. En concreto, a zona acolle obras como o novo kiosko cívico que, cun presuposto de 1,43 millóns de euros, se destinará a actividades culturais e sociais para os veciños. Ademais, está en execución a obra de posta en valor do paso inferior do viaduto de Alfonso Molina, entre as rúas Puga e Parga e Fernando Rey, un gran conector entre esta zona e a Dos mallos e que, cada día, é utilizado por miles de persoas.